O Camiño de Santiago segue batendo marcas en 2024 ao recibir ao seu peregrino número 100.000 en tan só 121 días. Milagros del Rosario Mini Bailey, unha peruana de 60 anos residente en Florida, foi homenaxeada o pasado 13 de maio na Oficina de Acollida do Peregrino tras completar o Camilo Portugués da costa dende Oporto.
O evento, que se celebrou nas instalacións da rúa Carretas, contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outras autoridades.
Durante o acto, Bailey, acompañada do seu marido, expresou o seu asombro e agradecemento polo cálido recibimento. “Foi unha gran sorpresa. Estamos moi contentos, foi unha experiencia moi bonita e todo saíu ben, aparte da choiva”, comentou.
Récords e diversificación no camiño
O Camiño de Santiago xa conseguiu un récord o pasado ano, coa visita de máis de 446.000 peregrinos. E 2024 segue o mesmo camiño, xa que recibiu a máis de 114.000 visitantes en tan só cinco meses.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou no acto a crecente afluencia de viaxeiros e a diversificación das rutas. “Non imos a obsesionarnos coas cifras: o que nos interesa é acollelos”, afirmou Rueda. Tamén destacou que a Ruta Xacobea está cada vez máis desestacionalizada, cunha repartición máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. En 2004, só o 24 % dos peregrinos optaban por camiños diferentes ao Francés, unha cifra que aumentou ao 53 % na actualidade.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, defendeu durante o acto un modelo de turismo consciente e responsable, que preserve o patrimonio e manteña a esencia da capital galega como punto de acollida. “Compostela continúa sendo un lugar moi especial para os peregrinos que chegan á cidade”, dixo Sanmartín.
A homenaxe a Milagros del Rosario Mini Bailey e as declaracións das autoridades reflicten o compromiso de Santiago e Galicia cos valores do Camiño. Cada ano, a comunidade autónoma acolle a un número crecente de viaxeiros e diversifica as experiencias, mentres se traballa por un turismo sostible e comprometido.