O 1 de agosto presentouse, no Museo do Mar de Galicia, o proxecto Clustertur_GNP, un clúster transfonteirizo que une a eurorrexión Galicia e norte de Portugal co obxectivo de fortalecer o turismo e aumentar o seu impacto nos mercados internacionais.
Este proxecto conta cun presuposto de arredor de 700.000 euros e nel participan Turismo de Galicia, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal e Turismo do Porto e Norte de Portugal.
Entre as misións principais do clúster estarán a creación dunha estratexia transfronteiriza enfocada no turismo con vistas a 2030 e a identificación de produtos, recursos e actores que axuden a consolidar unha marca turística para esta eurorrexión. Ademais, o clúster acentuará o turismo sostible e a promoción de recursos comúns como a enogastronomía.
Esta iniciativa porá o foco no papel do Camiño de Santiago neste ámbito e, máis concretamente, do Camiño Portugués. A súa intención é reivindicar o papel desta ruta, que foi a segunda máis concorrida por detrás do Camiño Francés en 2023. Tamén remarcará á figura do peregrino, quen contribúe significativamente á economía local dos lugares polos que pasa.
En canto ás empresas da Eurorrexión, o clúster permitirá crear unha rede de traballo nas que poderán colaborar e xerar accións de comercialización conxuntas en diferentes mercados nacionais e internacionais.
Durante a presentación deste proxecto, subliñouse que Portugal é o principal emisor de turistas para Galicia, con máis de 624.000 pernoctacións en 2023, o que representa o 20 % do total internacional. Non só iso, xa que os peregrinos procedentes do país luso suman, no que va de 2024, 12.300, colocándose como o cuarto país emisor de camiñantes por detrás de Estados Unidos, Alemaña e Italia.
O proxecto Clustertur_GNP representa un paso significativo cara a promoción internacional do produto turístico de Galicia e o norte de Portugal para contribuír ao seu crecemento e recoñecemento mundial.